Cambios e devolucións

Os establecementos comerciais unicamente teñen a obriga de devolver o diñeiro ou cambiar os produtos se estes presentan anomalías ou defectos. Nestes supostos é obrigada a entrega da cantidade que pagaron.

De acordo coa normativa vixente, agás na venda a domicilio ou na venda a distancia —nas que o consumidor poderá revogar a súa decisión de compra sen necesidade de alegar ningunha causa, ata pasados sete días desde a recepción—, o dereito á devolución dos cartos ou a o cambio do produto só se pode exercer se o produto adquirido ten algún defecto de fabricación anterior á venda.

Condicións

  • Nos casos de produtos non defectuosos, os establecementos poden decidir libremente se aceptan ou non as devolucións. É dicir, forma parte do criterio e da política comercial de cada empresa, de tal xeito que hai firmas que admiten cambios e devolucións como unha forma de promocionarse e outras que non o fan.
  • Os establecementos que aceptan a devolución de artigos en bo estado poden, a súa vez, determinar as condicións en que esta se efectuará e os prazos para facelo. Así o comerciante é libre para decidir se reembolsa o diñeiro o se entrega vales para gastar noutros produtos na tenda.
  • Cómpre lembrar que a publicidade que a este respecto faga o comerciante, mediante carteis no establecemento ou no propio tícket de compra, resulta vinculante.
  • Se cambian estas condicións o comerciante deberá anuncialas debidamente.
  • Se un establecemento acepta devolucións durante todo o ano tamén ten que facelo nas temporadas de rebaixas. Do contrario terá que advertilo explicitamente, por exemplo, mediante letreiros.