Horarios comerciais

Horario xeral

Os comerciantes teñen liberdade para fixaren os horarios dos seus establecementos, dentro dos límites establecidos na Lei 13/2006, de 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

O horario no que os establecementos comerciais poden desenvolver a súa actividade é, como máximo, de 12 horas ao día e de 72 horas á semana.

A franxa horariana que se pode desenvolver a actividade comercial vai das 8:00 ás 24:00 horas. Nos días 24 e 31 de decembro, de ser laborais, o horario de pechamento realizarase, como máximo, ás 20:00 horas.

Dentro destes límites, cada comerciante determinará libremente o horario de apertura e peche do seu negocio.

Domingos e festivos

Na Comunidade Autónoma de Galicia, autorízase, como máximo, a apertura de oito domingos ou festivos ao ano,  cun límite de 12 horas diarias.

Os establecementos comerciais deberán permanecer pechados os días 1 de xaneiro, 1 de maio, 17 de maio, 25 de xullo e 25 de decembro.

Para o ano 2011, poderán abrir ao público os seguintes domingos e festivos:

  • 2 de xaneiro
  • 9 de xaneiro
  • 19 de marzo
  • 3 de xullo
  • 4 de decembro
  • 8 de decembro
  • 11 de decembro
  • 18 de decembro

Réxime especial: establecementos con liberdade horaria

Teñen liberdade horaria:

  • Os establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie útil para a exposición e venda ao público de ata 150 metros cadrados, excluídos aqueles que pertenzan a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa, segundo a lexislación vixente, ou que operen baixo o mesmo nome comercial dos devanditos grupos ou empresas.
  • Os establecementos dedicados esencialmente á venda de produtos de pastelaría, repostaría, churraría, pan, pratos preparados, prensa, flores e plantas e mais as chamadas tendas de conveniencia.
  • Os establecementos instalados en puntos fronteirizos, estacións e medios de transporte terrestre, marítimo e aéreo.
  • Os establecementos dedicados, principalmente, á venda de combustibles e carburantes.
  • Os establecementos comerciais situados en zonas de grande afluencia turística.
  • Os establecementos comerciais situados no contorno inmediato da celebración de feiras e mercados tradicionais, durante o mesmo horario no que teña lugar o devandito mercado e coa autorización previa do concello correspondente.
  • Os establecementos comerciais situados en locais ou recintos de afluencia turística, como museos, monumentos e centros recreativos turísticos, e aos cales estean directamente vinculados polo produto comercializado.
  • Os establecementos comerciais situados en establecementos hoteleiros, sempre e cando a actividade que desenvolvan teña carácter permanente e non poida accederse a eles directamente desde a rúa.

Publicidade dos horarios

En todos os establecementos comerciais deberá figurar a información aos consumidores dos horarios de apertura e pechamento, que se exporá en lugar visible desde o exterior, mesmo cando o local estivese pechado.