Rebaixas

Existe venda en rebaixas cando os artigos se ofertan, no mesmo establecemento no que se exerce habitualmente a actividade comercial, a un prezo inferior ao fixado antes da dita modalidade de vendas.

Non se pode considerar como venda en rebaixas a de aqueles produtos que non estiveron á venda en condicións de prezo ordinario con anterioridade, nin a de produtos deteriorados ou adquiridos co obxecto de vendelos cun prezo inferior ao ordinario.

Cando a venda en rebaixas non comprenda polo menos a metade dos artigos existentes non se poderá anunciar con carácter xeral, senón referida exclusivamente aos artigos ou sectores aos que realmente afecta. Cando se ofertan artigos a prezo normal e a prezo reducido, uns e outros deberán estar o suficientemente separados para non inducir error. Isto tamén sucede nas outras modalidades especiais de venda (saldos, liquidación, promoción)

Tempadas de rebaixas

As vendas en rebaixas só poden ter lugar en dúas temporadas anuais: unha ao principio do ano, e a outra en torno ao período estival de vacacións.

  • En Galicia, as rebaixas de inverno se desenvolven entre o 7 de xaneiro e  o 7 de abril, e as rebaixas de verán entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
  • Dentro destas datas, cada comerciante fixa a duración que considere máis conveniente, sempre que sexa como mínimo dunha semana e como máximo de dous meses.

Calidade dos produtos rebaixados

Non se poden ofertar como rebaixados:

  • Os artigos deteriorados ou adquiridos expresamente coa finalidade de seren vendidos a un prezo inferior ao ordinario.
  • Aqueles produtos que non estiveran á venda con anterioridade.
  • Os artigos que fosen obxecto de calquera outra práctica de promoción no curso do mes que precede á data de inicio das rebaixas.

Información para os consumidores

  • Publicidade : Débese exhibir nun lugar visible, aínda que o comercio estea pechado, un cartel no que figuren as datas de inicio e fin das rebaixas.
  • Indicación de prezos: As etiquetas de cada produto deberán mostrar con claridade o prezo anterior xunto co novo prezo. Non obstante, cando se trate dunha redución porcentual nun conxunto de artigos bastará con anunciar o desconto xeral, sen necesidade de que conste individualmente en cada artigo.

Condicións

En principio, durante o período de rebaixas o establecemento ten que seguir mantendo as mesmas condicións de venda que durante o resto do ano. Así, se habitualmente acepta o pago con tarxetas, tamén debería facelo durante as rebaixas. O mesmo sucede co cobro dos amaños nos establecementos téxtiles, a admisión de cambios ou as devolucións.
Se o comerciante desexa que estas prácticas non sexan de aplicación durante o período de rebaixas, terá que facelo constar mediante un cartel ben visible ao público e, a ser posible, indícalo no tícket que entrega ao cliente coa compra.