Catedral de Santa María de Tui:

A catedral de Santa María constitúe o máximo expoñente da riqueza artística da cidade de Tui. A súa construción foi iniciada no século XII, en pleno románico, corresponde a este estilo:

  • a súa planta,
  • portada norte e
  • a magnífica iconografía dos capiteis.

Ao gótico pertence a fachada principal, unha das primeiras obras deste estilo realizada na península Ibérica. Este templo foi consagrado polo bispo Esteban Egea en 1225.

Xa no seu interior, destaca o retablo da Expectación e o altar relicario da capela das Reliquias, ambos os dous do século XVIII. Na capela maior está situado o coro, realizado en 1699 por Castro Canseco. Tamén no interior do templo, na antiga capela de Santa Catalina, se atopa o museo catedralicio coas pezas do tesouro catedralicio, entre os que destacan o copón de coco do século XV e o talle da Virxe, coñecida como a Patroa, datado no século XIV, así como un fragmento do primitivo retablo maior de pedra calcaria de 1520.

O claustro, único orixinal conservado nas catedrais galegas, é unha soberbia obra do gótico. Destacar, por último, a espléndida paisaxe que se contempla dende o torreón dos Sotomayor así como a primitiva sala capitular románica do século XII.

Recursos Asociados: Fachada Occidental

  • Arquivo Histórico Catedralicio
  • Arquivo Histórico Diocesano
  • Museo Catedralicio.

Ponte Internacional:

A cidade de Tui é coñecida, entre outras cousas, polo seu carácter fronteirizo. A historia da cidade sempre estivo unida á vila de Valença do Minho, situada ao outro lado do río (Portugal).

A vella ponte internacional construída por un discípulo de Eiffel, forma parte, dende fai mais dun século, do ámbito típico de Tui-Valença do Minho.

Na actualidade cóntase cunha nova ponte internacional que une España con Portugal por medio da autovía Vigo-Tui, enlazando coa autoestrada Valença do Minho-Lisboa.

Atópase situado sobre o río Miño unindo as vilas históricas de Tui e Valença do Minho, comunicando, tanto por estrada como por ferrocarril, os países de España e Portugal.

A súa inauguración oficial realizouse en 1886. Trátase dunha ponte conformada arredor dunha longa estrutura metálica, tipo celosía, en forma de caixón que descansa sobre uns grosos piares pétreos, aínda que nun principio se albiscou a posibilidade de que estes piares fosen metálicos. A súa construción realizouse mediante o procedemento de lanzar os tramos metálicos previamente construídos nos accesos, sen outra precaución que os apoiar provisionalmente mentres estaban en beiril sobre o río. Actualmente presenta un estado de conservación bastante bo.

Zona Vella de Tui:

Conxunto histórico de zonas urbanas declaradas como tal o 19 de agosto de 1967.

A zona vella de Tui foi declarada conxunto monumental de interese histórico-artístico. Destacan, sobre todo, as construcións relixiosas presididas pola catedral-fortaleza de estilo gótico con vestixios románicos.

Destaca a súa fachada profusamente ornamentada, pero tamén as capelas do seu interior que albergan valiosos retablos barrocos. O claustro catedralicio é importante polo seu estilo oxival galego pero tamén pola torre de Sotomayor construída en 1408, que alberga nun dos seus recantos.

O barrio antigo está formado por estreitas e acolledoras rúas que baixan ao Miño e por edificios antigos, a maior parte brasonados. Neste barrio é de destacar o convento das Encerradas, monxas clarisas, fundado en 1508 e a súa igrexa construída no s. XVIII. Son tamén interesantes a igrexa de San Telmo, de estilo barroco portugués, a de San Bartolomé, con pinturas do s. XVI e o convento de San Francisco de fins do XVIII.

Principais monumentos:

  • Catedral de Tui Estilo: Gótico e románico Datación: S.XII e XIII
  • Claustro catedralicio Estilo: Ojival gallego Datación: S. XIII e XIV
  • Convento de las Encerradas Estilo: Renacentista Datación: S. XVI e XVII
  • Convento de San Francisco Estilo: Barroco Datación: Finais S.XVIII
  • Igrexa de San Telmo Estilo: Barroco portugués Datación: S. XVIII.

Igrexa de Santo Domingo de Tui:

A primitiva fábrica empezouse a construír cara ao ano 1329. A súa planta é de cruz latina con cabeceira triabsidal e nave central de tres tramos.

Esta igrexa conserva a cabeceira e o cruceiro de estilo gótico cos sepulcros da familia Sotomayor do mesmo estilo. A nave e a fachada son posteriores, de estilo neoclásico e barroco respectivamente. Sobresaen no seu interior dous magníficos retablos barrocos: o maior, obra do redondelán Antonio del Villar, do século XVIII, destaca pola súa grandiosidade; o retablo da Virxe do Rosario, situado no cruceiro sur, posúe unha curiosa representación da batalla de Lepanto na súa parte superior.

Esta igrexa e convento —do que se conservan escasos restos— foi panteón da nobreza tudense: Sotomayores, Correas, Ozores.

Igrexa de San Bartolomé de Rebordáns:

Igrexa levantada sobre precedentes romanos e suevos que data do século XI. A súa planta é basilical, consta de tres naves e tres ábsidas, semicircular o central e rectangulares os laterais.

Destacan os seus capiteis historiados de rudo primitivismo. Na capela maior consérvanse unhas magníficas pinturas murais do século XVI.

Esta igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns exerceu as funcións de catedral da diocese tudense no século XII. Nela celebráronse dous concilios.

Tamén foi a capela dun mosteiro de monxes bieitos e logo de cóengos regulares, ata que no ano 1435 quedou relegada a templo parroquial. 

 

Capela de San Telmo:

Exemplar único do barroco portugués en Galicia.

Logo dunha pequena capela existente no século XV, a actual foi comezada polo mestre portugués frei Mateo de Mosteiro.

No interior destaca a cúpula galonada e a pintura do retablo maior; entre 1996 e 1997 foi obxecto dunha profunda restauración, limpeza exterior completa e escavación arqueolóxica onde se detectaron restos de casas existentes na rúa de San Telmo.

 

Convento das Encerradas:

Edificio barroco de finais do século XVII, con portadas deste estilo na igrexa e no convento. Interesantes reixas nas ventás. O contorno urbano é moi agradable, con casas medievais e barrocas. Non se permite a entrada á zona conventual. 

 

 

Ermita de San Xiao:

Edificación reconstruída no ano 1713 sobre un antigo templo románico.

Ao exterior preséntase con estribos, portada sinxela con arco de medio punto e espadana dunha campá. Sobre a porta principal, pedra de armas.

Consta dunha soa nave alongada, ábsida cuadrangular e sancristía lateral. Atópase situada nunha paraxe paisaxística de indubidable valor ecolóxico-natural, o cume do monte Aloia.

 

 

 

Convento de San Francisco de Tui:

O templo posúe tres naves e o seu estilo é neoclásico. Posúe unha sinxela torre campanario de dobre corpo e escasa ornamentación. O seu interior conserva mais o estilo barroco que o neoclásico.

 

 

 

Museo Diocesano de Tui:

Situado no antigo edificio do hospital de pobres e peregrinos (séc. XVII), conta con tres seccións: a de arqueoloxía, con pezas de gran valor histórico como un sarcófago romano, un singular casco celta do século III a. C., atopado en Caldelas de Tui e numerosas pezas arqueolóxicas procedentes de escavacións na zona. A sección de Arte Sacra conta con obras procedentes de igrexas da diocese, como a escultura do Cristo románico do século XII ou a urna de prata do Santísimo do Porriño. O museo conta, ademais, cunha pequena pinacoteca.

 

Prezos:

  • Prezo base: 1,80 €.
  • A entrada permite visitar o Museo Catedralicio.
  • Prezo especial para grupos.

Horarios:

  • 1 XUÑO - 15 OUTUBRO
  • Martes - Domingo de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 h.
  • Luns pechado.
  • Resto do ano pechado.

Museo Catedralicio de Tui:

 Situado no interior da catedral de Tui, de estilo románico-gótico, alberga un interesante museo formado polas pezas que compoñen o tesouro catedralicio. Cetros procesionais, cálices, ornamentos sagrados e numerosas imaxes entre as que destaca a da Virxe co Neno. No claustro, obra mestra de estilo gótico, expóñense obxectos procedentes de escavacións arqueolóxicas: pezas do antigo coro románico, sarcófagos medievais, laudas visigóticas e as antigas reixas da catedral. Pódese visitar a torre da Homenaxe, dende onde se obtén unha espectacular panorámica do Miño, da cidade e de Portugal. 

 

Prezos:

  • Prezo base: 1,50 €.
  • Durante os meses en que permanece aberto o Museo Diocesano, a entrada ten un suplemento de 0,30 € e inclúe a visita aos dous museos.

Horarios:

  • 1 OUTUBRO - 30 XUÑO
  • Todos os días de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 h.
  • 1 XULLO - 30 SETEMBRO
  • Todos os días de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 21:00 h.

O museo non pecha o mediodía durante algunhas semanas en tempada alta.