Arbitraxe de consumo

A arbitraxe de consumo é unha vía extraxudicial e voluntaria que permite resolver, dun xeito rápido, eficaz e gratuíto, os desacordos que poidan xurdir entre os consumidores/usuarios e os empresarios.

O Sistema Arbitral de Consumo, regulado polo Real Decreto 636/1993, ten como finalidade atender e resolver con carácter vinculante e executivo para ambas as partes, as queixas ou reclamacións dos consumidores e usuarios, sen prexuízo da protección administrativa e xudicial.

Vantaxes

  • Rapidez: a tramitación realízase nun curto período de tempo.
  • Eficacia: resólvese mediante laudo arbitral, sen que faga falta acudir á vía xudicial ordinaria.
  • Gratuidade: a tramitación é de balde; soamente a práctica dalgunhas probas periciais, realizadas a petición da parte, pode supoñer algún pequeno custo.
  • Voluntariedade: ambas as dúas partes deciden libremente que sexa a Arbitraxe de Consumo quen resolva os seus desacordos.
  • Executividade: o laudo arbitral é de obrigado cumprimento, como se dunha sentenza se tratase.

Adhesión

A adhesión das empresas ao Sistema Arbitral de Consumo pódese levar a cabo de dúas formas:

  • A través da denominada Oferta Pública de Sometemento ao Sistema Arbitral de Consumo : o empresario manifesta publicamente que todos os conflitos que se presentan cos consumidores poderán ser resoltos por este sistema se o consumidor así o desexa. Esta oferta, ademais, permítelle utilizar o logotipo aprobado oficialmente de adhesión ao sistema, como un símbolo de distinción dentro do mercado. Esta oferta non ten que ser xeral, xa que pode o empresario limitala, por exemplo, a determinados conflitos ou relacións. Neste suposto, tamén se pode ostentar o distintivo de adhesión o sistema arbitral de consumo, pero a utilización do logotipo non pode inducir a erro o consumidor.
  • Para caso concreto: Neste suposto un empresario adhírese ao sistema para a resolución dun conflito concreto, non podendo neste caso utilizar o distintivo.