Modalidades de venda

1-.Vendas en promoción

Ao marxe da venda en rebaixas existen outras modalidades especiais, como as vendas en promoción, os saldos ou as liquidacións. Este tipo de vendas, ao contrario das rebaixas non están limitados por períodos concretos pero, de calquera forma, teñen que anunciarse debidamente, especificando a duración e as regras aplicables a elas.

As vendas en promociónson aquelas que teñen por finalidade dar a coñecer un novo produto ou artigo ou conseguir o aumento da venda das existencias entre os consumidores.

Condicións

  • Teñen que ofrecer aos compradores condicións de venda máis vantaxosas que as existentes ou que as que se pretenda ofrecer no futuro.
  • Deben ir precedidas ou acompañada dun anuncio no que conste: o produto ou produtos obxecto da promoción, as condicións de venda e o período de vixencia da promoción.
  • Os produtos non poden estar afectados por ningunha causa que reduza o seu valor.

2.-Vendas de saldos

As vendas de saldos son aquelas que afectan a produtos cun valor de mercado manifestamente diminuído a causa do deterioro, dano, desuso ou obsolescencia.

Condicións

  • Deberán ser claramente anunciadas como vendas de saldos ou de restos.  A publicidade terá que detallar claramente as causas que motivan a venda e o seu período de vixencia.
  • Cando se trate de artigos deteriorados ou defectuosos deberá constar tal circunstancia de maneira precisa.
  • Os letreiros que deben acompañar os produtos en saldo deben indicar o prezo de cada artigo ou o prezo único para un conxunto de artigos.
  • Os artigos saldados deberán estar debidamente separados do resto dos produtos non saldados.
  • Nun mesmo establecemento comercial non poden realizarse ao mesmo tempo vendas de saldos e vendas de rebaixas.
  • Para a venda de saldos con carácter habitual e permanente será preciso que o establecemento comercial estea dedicado exclusivamente a esta clase de vendas e que o rótulo deste establecemento se indique claramente esta circunstancia.
  • Non se poderán saldar produtos adquiridos para tal fin e tampouco os que non estivesen á venda con anterioridade, polo menos con seis meses de antelación, agás nos establecementos que se dediquen exclusivamente a este tipo de vendas.

3.-Venda en liquidación

Trátase dunha modalidade de venda de carácter excepcional na que teñen que concorrer algunha das seguintes circunstancias:

  • Cesamento total ou parcial da actividade comercial. No caso de cesamento parcial o comerciante terá que indicar a clase de mercancías obxecto da liquidación.
  • Cambio de ramo do comercio ou modificación substancial na orientación do negocio.
  • Cambio de local ou realización de obras de importancia no mesmo.
  • Calquera suposto de forza maior que supoña un grave obstáculo para o normal desenvolvemento da actividade comercial.
  • Por execución dunha decisión xudicial ou administrativa.

Condicións

  • A venda en liquidación limitarase aos produtos ou artigos que fosen parte das existencias.
  • A duración máxima será de seis meses, agás no caso de cesamento total da actividade que será dun ano.
  • Terá que sercomunicada previamente ao seu inicio á Delegación Provincial da consellería competente en materia de comercio e exhibir nun lugar visible do establecemento unha copia desta comunicación.
  • En toda a publicidade deberán indicase as causas que a motivan, así como a data de comezo e a duración da mesma.
  • A liquidación terá que efectuarse no mesmo local no que os produtos estiveron habitualmente á venda, agás nos casos de peche, forza maior ou sinistro que impida o exercicio da actividade comercial.
  • Nos tres anos seguintes á finalización dunha venda en liquidación, o comerciante non pode exercer o comercio na mesma localidade sobre produtos similares a os que foran obxecto da liquidación.
  • Tampouco poderá proceder a unha nova liquidación no mesmo establecemento, agás cando esta última se produza na execución de decisión xudicial ou administrativa ou por causa de forza maior.